Friday 10 de May de 2024

Turismo aposta por diseñar unha estratexia conxunta cos 20 concellos bañados polo Ulla para impulsar o turismo arredor dos recursos deste río


A directora de Turismo, Nava Castro, ponse a disposición dos vinte concellos para artellar un proxecto turístico conxunto que faga ver que “o interior de Galicia tamén existe” e que ten atractivos para ofrecer aos visitantes

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo hoxe en Touro un encontro cos alcaldes e representantes dos 20 concellos bañados polo Ulla (Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Agolada, Santiso, Arzúa, Vila de Cruces, Touro, Silleda, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Teo, Padrón, Pontecesures, Valga, Dodro, Catoira, Rianxo e Vilagarcía de Arousa) e que participan dende hai anos no impulso dos recursos que ofrece este río como atractivo turístico. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, que exerceu de anfitrión, recibiu na Casa do Concello á directora de Turismo de Galicia a aos representantes dos concellos. E destacou que a reunión supón “un paso significativo” na aposta da promoción turística do interior de Galicia. “O interior de Galicia tamén existe”, apuntaron conxuntamente Nava Castro e Ignacio Codesido. “Hai vida máis aló da costa e das grandes ciudades de Galicia”, engadiu a directora de Turismo de Galicia en clara referencia a proxectos de promoción turística coma os que promoven os 20 concellos bañados polo Ulla e que afectan a tres provincias galegas (A Coruña, Lugo e Pontevedra).
Nava Castro, no inicio do encontro, destacou o traballo feito ata o de agora arredor da promoción do Ulla. E manifestou o apoio decidido por parte de Turismo da Xunta para incrementar a aposta por esta área bañada por este río. “A oferta das rutas de sendeirismo está moi ben, pero hai que traballar tamén nunha promoción conxunta e integral de todos os recursos desta zona, de todo o que se pode ofrecer ao visitante”, explicou Nava Castro, quen mostrou o total apoio para dar visibilidade ao Ulla. “Aquí hai un atractivo turístico arredor deste río que ten que ordenarse e buscar así a súa comercialización en Galicia e fóra de Galicia”, apuntou a directora de Turismo. E indicou a conveniencia de diseñar unha “estratexia conxunta” para “poñer en valor os recursos turísticos arredor do Ulla”. “O río ten que ser o fío conductor”, apuntou aos representantes dos 20 concellos, que estiveron de acordo co plantexamento.
Nava Castro puxo como exemplo a Ruta da Lamprea, que une nun proxecto de promoción turística a 18 concellos do Miño, Ulla e Tambre. E dixo que a esencia desta iniciativa pode ser trasladable á promoción do Ulla. Os 20 concellos do Ulla xa teñen en marcha o programa ‘Goza do Ulla’, unha iniciativa turística que xa vai pola súa sexta edición e que pretende dar a coñecer e promocionar o rico e valioso patrimonio natural e tamén cultural dos territorios á beira do Ulla a través de rutas de sendeirismo.
Os representantes dos 20 concellos presentes hoxe en Touro agradeceron a implicación da Administración autonómica na promoción e visibilidade turística do río Ulla, o segundo en relevancia de Galicia despois do Miño. “Estamos a vosa disposición”, lembrou Nava Castro. Os 20 concellos decidiron poñerse a traballar para dar notoriedade esa iniciativa conxunta arredor do río Ulla. “Ten que ofrecer rutas de sendeirismo, pero tamén moito máis”, engadiu Nava Castro, quen falou da riqueza da pesca fluvial do Ulla, do seu patrimonio cultural e natural, dos deportes vinculados ao río, da súa oferta de casas rurais…. “Temos que ser capaces de dar ese salto adiante”, apuntou a modo de reto, que recolleron os representantes dos concellos. Esta iniciativa que daría a coñecer o patrimonio que está arredor do Ulla serviría tamén para a promoción de Galicia.

Gran ruta dende o nacemento ata a desembocadura
O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, explicou á directora de Turismo que un dos obxectivos dos 20 concellos regados polo Ulla é proxectar a medio prazo a creación dunha ruta ou camiño fluvial de gran percorrido que descorra polo cauce dende o seu nacemento ata a desembocadura. O proxecto, que aproveitaría as rutas xa existentes nas dúas beiras e tamén proxectaría novos trazados, está dando xa os seus primeiros pasos. “Creemos que se trata de vontades e interés por poñela en marcha máis que de outras cousas”, apuntou Ignacio Codesido, quen cree que este trazado serviría de “eixo vertebrador” turístico para a promoción dos recursos naturais e patrimoniais do Ulla. O rexedor de Touro tamén agradeceu o apoio explícito da directora de Turismo de Galicia coa sua presenza hoxe en Fonte Díaz. “A súa visita e o encontro cos representantes dos 20 concellos supón un importante paso adiante” para poñer en valor, promocionar e proxectar o rico e valioso patrimonio dos territorios que percorre o río Ulla.